Tonhito de Poi [Charla/Coloquio]

Tonhito de Poi nado en Castiñeiras (Ribeira) é un artista polifacético galego. E coñecido especialmente por ser o líder da banda Heredeiros da Crus, coa que editou 9 álbumes ao longo dos seus 12 anos de carreira. Posteriormente fundou A Banda de Poi e actualmente está inmerso no seu proxecto Tonhito de Poi e Rasa Loba. Ademáis da súa contribución á música galega, tamén destaca na no eido interpretativo e dramatúrxico na pequena pantalla e conta coa súa propia produtora, “Cabezas quentes”.

Tonhito de Poi estará na nosa charla/coloquio, non vola perdades!

Sergio Lago > toupa.net [Charla/Coloquio]

Cultura galega para levar

Sergio Lago é o fundador de toupa.net, a primeira plataforma on-line de distribución de cultura galega de distintos ámbitos como música, cine ou banda deseñada. Nas súas propias verbas:

“A nosa proposta é sinxela: Queremos construír un espazo para achegar a produción cultural con perspectiva galega a todos aqueles que cren, coma nós, en que unha visión universal e cosmopolita só pode construírse dende o recoñecimento da propia identidade, dende o que somos… un espazo onde estean dispoñibles todos aqueles produtos culturais galegos que son tan difíciles de atopar nas canles convencionais.”

Sergio Lago formará parte da nosa charla/coloquio.

Xocas López [Charla/Coloquio]

Xocas López é produtor, programador cultural e batería do grupo de power-pop The Homens e visita o IES Audiovisual de Vigo para falar con nós de música en galego.

A charla/coloquio do Percebe Son comeza ás 11:30, non a perdas.

Xurxo Souto [Charla/Coloquio]

A traxectoria de Xurxo Souto é moi extensa: fundador de Os Diplomáticos de Montealto, presentador de radio, de televisión, escritor… actualmente o podes atopar no programa “Música Ambiente” en VTelevisión.

Xurxo Souto presidirá o noso coloquio sobre música en galego, a primeira actividade do noso foro musical.

Som do Galpom [Concerto Eléctrico]

SOM DO GALPOM nace en decembro de 2005 nunha aldea (A Moniña) preto de Compostela. Todos os integrantes do grupo apostan por unha formación innovadora e orixinal que se apoia nas raíces de tres estilos de música diferentes que ao mesmo tempo semellan moi próximos como son o funky, o reagge e o rap.

SOM DO GALPOM actuarán no concerto final do Percebe Son a partir das 19:30 no Auditorio de IES Audiovisual de Vigo.

Ataque Escampe [Concerto Acústico]

ATAQUE ESCAMPE gostan de definir o seu estilo como rock de serie B porque partindo dunha instrumentación sinxela mais variada (do banxo ao hammond, do kazoo á percusión electrónica, da trompa á harmónica), ofrecen unha proposta musical que trata de ser sólida e autónoma, encadrábel nunha traxectoria antivirtuosa practicamente inédita na Galiza. O rock de serie B é un xeito de entender a música que abrangue un inxente abano de xéneros bastardos, desde o bolero ao punk, pasando polo vals, o tango, a canción popular galega, o country, o fox-trot, o soul ou o rap.

O funcionamento como grupo sen destacar autorias no seu interior, o emprego do galego como única lingua e a reciclaxe de músicas malditas completan a filosofia vital dunha banda que practica o “do it yourself” máis brutal, poético e desvergonzado.

Planeta Furancho [Programa de Radio]

PLANETA FURANCHO é un altofalante para a música galega contemporánea; un faro, unha axenda e un latexo diario e actual de todo canto acontece na nosa fascinante realidade musical. Planeta Furancho é unha fiestra para achegarse, coñecer e gozar da música que se fai nesta parte do mundo.

O programa de radio PLANETA FURANCHO será gravado na mañá do día 17 de febreiro nas instalacións do IES Audiovisual de Vigo e será emitido pola Radio Galega o mesmo día ás 23:00 .